Neste Nadal, nin un só día sen actividades infantís

15 diciembre, 2017 ACTUALIDAD , CONCELLOS , CULTURA , NADAL 2017 , O BARCO
Neste Nadal, nin un só día sen actividades infantís

Este parece ser o lema a seguir polo concello do Barco na programación para as festas do Nadal, que este ano pon en marcha en colaboración coas asociacións AEVA, Centro Comercial Aberto do Barco, Cine Club Groucho Marx e Vagalume Valdeorras. E así o expresa o seu alcalde, Alfredo García, “é unha campaña de moitos, fixemos un esforzo grande para que os nenos teñan algo que facer todos os días de vacacións”.

O programa de actividades dará comezo hoxe venres día 15 coa apertura do Mercadiño de Nadal na Praza do Concello do Barco, no que 24 postos permanecerán funcionando durante toda a fin de semana en horario de 17:00h a 20:30h.

Xa a próxima semana, virán as actuacións de Nadal, en primeiro lugar, o luns 18 decembro as 20:00h, o Festival de Panxoliñas, coa participación do Orfeón Valdeorrés e os coros escolares na Igrexa de Santa Rita. O mércores día 20, o Teatro Lauro Olmo acollerá o Concerto de Nadal da Escola de Música, e o venres 22 de decembro, terá lugar, de novo na Igrexa de Santa Rita, ás 20:30h, o Concerto de Nadal do Orfeón Valdeorrés e a Banda do Barco.

Precisamente, e tal e como recorda a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, o venres 22 de decembro “é un día moi importante non só para o concello senón para todos os veciños do Barco”, porque é o día escollido para inaugurar o cine comercial. “A primeira película será Los últimos Jedi de la saga Star Wars”, da que a súa estrea retrasouse unha semana pola posta a punto do novo proxector, “un luxo que se merecía unha presentación por todo o alto porque somos o único concello de Galicia que ten unha máquina destas características”, apunta.

Tamén o día 22 de decembro, darán comezo varias actividades a ter en conta. Por unha banda, o Campamento de Nadal, organizado en colaboración coa Asociación Vagalume Valdeorras, do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. “Vai a tratar sobre a violencia e todas as súas causas e consecuencias; a través das cores destacarán unha serie de valores que inculcar aos nenos” explica Pizcueta. A matrícula permanecerá aberta ata un día antes de comezar o campamento, dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos.

Por outra banda, poranse en marcha un dos Parques de Xogos e a Pista de Xeo. Esta última, manterase aberta dende o 22 ao 30 de decembro na Praza do Concello, para disfrute de nenos e maiores. E á vez, no pavillón vello, comezará a funcionar un Parque de Xogos. Xa no ano novo, do día 1 ao 7 de xaneiro, o pavillón de Calabagueiros acollerá outro Parque de Xogos, con horario de mañá e tarde para disfrutar dos inchábeis.

Tras a estrea do novo proxector de cine, durante as festas de Nadal os máis pequenos da casa poderán achegarse ao Teatro Lauro Olmo para disfrutar do Cine Infantil, adquirindo primeiro unha entrada nos establecimentos da comarca. Deixando un kilo de comida ou un xoguete, poderán acceder ás películas programadas: o 26 decembro Tadeo Jones 2, o 2 xaneiro Cars 3, o 3 de xaneiro Tu mejor amigo, e o 4 xaneiro Solo en casa.

O 27 de decembro ás 19:00h, a compañía Baobap Teatro e a súa obra Pum Pum, dirixida a público familiar, subirán ás táboas do TLO. Un día máis tarde, o 28 de decembro, á mesma hora no mesmo sitio, actuará o Mago Teto cun espectáculo de maxia que leva por título: Íntimo, a viaxe da miña vida. Xa o 29 de decembro, o Apalpador visitará a Biblioteca Municipal Florencio Delgado ás 19:00h, momento no que Fran Campos unirá música e contacontos para diversión dos máis pequenos.

Esta Biblioteca mantén aberta, durante as festas, a Campaña Libros por Alimentos, na que se recollen alimentos levados polos que queiran solidarizarse coas familias desfavorecidas a cambio de libros do depósito da biblioteca ou cedidos por particulares á mesma.

E finalemente, o prato forte, o día 5 de xaneiro sairá a Cabalgata de Reis, que este ano retrasará a súa saída ás 18:00 horas para asegurar que as carrozas das súas maxestades saen de noite como marca a tradición. O percorrido, como outros anos, dende a estación de autobuses pola rúa principal ata rematar na Praza do Concello.

También te puede interesar