Vilamartín talará as árbores do Paseo do Bañadoiro

8 marzo, 2017
Vilamartín talará as árbores do Paseo do Bañadoiro
Publicidad

O Concello de Vilamartín procederá á tala das árbores do Paseo do Bañadoiro por consideralas un perigo para os viandantes. O desprendemento dalgunhas pólas dos chopos dispostos na zona do Bañadoiro, en Vilamartín, irrompe a tranquilidade dos veciños ao estar ó carón da vía pública. Segundo o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, tamén pon en perigo os cables das liñas telefónicas e do alumeado público.

“O Paseo do Bañadoiro quédanos moi bonito con ese verdor e ese frescor que nos producen as árbores, sobre todo no verán, pero temos ese perigo e xa tivemos algunha protesta dalgún veciño”, explica o alcalde, que ademais destacou a molestia da “contaminación” que as propias árbores producen durante os meses primaverais.

O concello vilamartinés levaba máis dun ano negociando coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a tala destas árbores, xa que dende o grupo municipal querían que a propia Confederación se fixese cargo da poda. Agora, a Confederación deulles permiso para que procedesen á tala das árbores por conta propia, que xa se está a levar a cabo por medio dunha empresa subcontratada polo Concello.

Álvarez Barreiro recordou que o Bañadoiro “seguirá sendo o Bañadoiro de sempre” e que só se podarán as árbores que supoñan un perigo. Está previsto que a tala remate a finais desta mesma semana. A intención é reprantar árbores autóctonas en zonas valeiras que non ameacen a seguridade dos veciños.

También te puede interesar