Unha trintena de interesados no proxecto apícola de A Veiga

7 marzo, 2017
Unha trintena de interesados no proxecto apícola de A Veiga
Publicidad

O proxecto promovido polo Concello de A Veiga para fomentar a creación de emprego estable baseado na apicultura tivo unha gran acollida entre a xuventude de A Veiga, chegando incluso a parellas de fóra da localidade, dispostos a trasladarse a vivir á vila para formar parte deste novo proxecto.

O pasado sábado o alcalde de A Veiga, Juan Anta, mantivo unha reunión cunha trintena de persoas interesadas neste proxecto, para comunicarlles a aprobación das novas medidas, así como a creación da nova marca “Montañas de Trevinca”, que será o paraugas para todos aqueles produtos derivados da mel e da actividade apícola. Na reunión, o alcalde explicou tamén as condicións e requisitos de uso desta nova marca. “A reunión foi un éxito en participación, pero somos conscientes de que este é só o inicio dun proceso moi complexo”, sinalou o alcalde.

O seguinte paso é crear un rexistro de todas aquelas persoas que queiran participar e dividilas en grupos. Por unha parte aquelas persoas que se queiran iniciar neste oficio, e por outra, un grupo de persoas xa formadas, co fin de adaptar a formación -que impartirá un especialista contratado polo Concello- aos distintos grupos. Está previsto que esta formación se inicie nas próximas semanas.

Todas as persoas que queiran envasar e etiquetar recibirán unha subvención, pero valorarase tamén ás axudas que se poidan facilitar para a compra de material apícola. Todos os interesados poderán utilizar o Centro Apícola de Prada, cuxas instalacións estarán listas para o seu uso a finais de primavera. Dentro dun par de meses comezará a temporada óptima para a elaboración deste produto.

A Veiga conta xa con máis de 3.000 colmeas que producen mel para as 111 explotacións apícolas do concello, unha cifra moi elevada que está disposta a crecer no transcurso do presente ano. A apicultura é o corazón da economía rural da localidade e por iso o Concello aposta pola agroindustria para xerar emprego estable e aumentar a poboación.

 

También te puede interesar