Turismo de Galicia reforza a sinalización do Camiño de Inverno

13 abril, 2017 A RÚA , ACTUALIDAD
Turismo de Galicia reforza a sinalización do Camiño de Inverno

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, acompañados pola secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, participaron  na colocación dunha mouteira do Camiño de Inverno na localidade da Rúa, unha actuación realizada de común acordo cos municipios do Camiño para reforzar a sinalización actualmente existente.

“É preciso garantir a protección e conservación desta ruta xacobea e para iso resulta fundamental apostar por unha sinalización que garanta a seguridade dos peregrinos e facilite a súa peregrinación”, explicou Nava Castro. A directora de Turismo de Galicia lembrou que a ruta está pendente da delimitación oficial da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que con esta actuación se reforza, con carácter provisional, a sinalización actualmente existente no Camiño. Esta ruta ten un percorrido de máis de 200 km, atravesa as catro provincias galegas e históricas comarcas, plenas de personalidade e atractivos como as de Valdeorras, Ribeira Sacra ou Deza.

140 mouteiras

Nava Castro recordou que desde Turismo de Galicia estase a realizar a sinalización que reforce a  existente e que comprende os municipios de  Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa, na provincia de Ourense; Quiroga, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao, Chantada e Sober, na provincia de Lugo e Rodeiro e Lalín, na provincia de Pontevedra.

“Un total de 14 concellos onde serán colocadas 140 mouteiras que reforzarán a sinalización e que son unha mostra máis da firme aposta da Xunta de Galicia por esta ruta xacobea recentemente oficializada”, indicou Nava Castro.

Neste sentido, e na liña de continuar traballando nas melloras no Camiño, fixo referencia ao Plan director e estratéxico do Camiño, como un dos documentos clave no campo do desenvolvemento turístico en Galicia. Asegurou que, grazas a el, estase avanzando no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia, as rutas xacobeas, co horizonte do Ano Santo 2021.

También te puede interesar