Terras Altas de Trevinca organiza unha observación das Perseidas na Veiga

13 agosto, 2020
Terras Altas de Trevinca organiza unha observación das Perseidas na Veiga
Publicidad

Esta non será a única actividade da que se poida gozar esta fin de semana, xa que tamén haberá duas andainas

A chuvia de estrelas das Perseidas, coñecidas popularmente como Bágoas de San Lourenzo, acadan esta semana o seu máximo. Por iso Terras Altas de Trevinca organiza, en colaboración cos concellos de A Veiga e Porto, unha serie de actividades de observación durante estes días para gozar dun dos eventos astronómicos máis populares do ano.


Publicidad

As Perseidas son estrelas fugaces, pero ó contrario do que suxire o seu nome non se trata de corpos estelares. Son meteoros procedentes do cometa 109P-Swift/Tuttle, que orbita cada 135 anos arredor do Sol. Juanjo Lorenzo, guía de Terras Altas de Trevinca, di que a chuvia está alcanzando o seu esplendor, chegando a caer “entre 100 e 120 meteoros por hora”. O venres poderase disfrutar do espectáculo que ofrece a bóveda celeste nunha das actividades de observación que organiza. O único temor é que as nubes poidan tupir o ceo, pero Lorenzo di que “as previsións son fantásticas”.

Esta non será a única actividade de Terras Altas de Trevinca nesta fin de semana. Tamén o venres, pero polo día, haberá unha andaina de 17 quilómetros arredor da aldea de Xares. Chamada “Bosques de Trevinca”, levará ós inscritos por sitios “espectaculares, cargados de maxia”, di Lorenzo. “Árbores senlleiras, con formas caprichosas, retorcidas, testemuñas de moitas historias”, engade.

Ó día seguinte está prevista unha actividade máis dura, unha ruta de 24 quilómetros e máis de 3000 metros de desnivel. Transcorrerá entre a localidade de Vilanova e o Pontón de San Xil, polo pico Maluro. As actividades requiren dunha inscripción previa, xa que as prazas son limitadas.

Juanjo Lorenzo comenta que coa pandemia nótase que hai un incremento de xente, que vén sobre todo “escapando de zonas masificadas e buscando destinos distintos, destinos de natureza”. Aínda que matiza: “nós de todos xeitos traballamos, xa non agora pola covid, senón por filosofía propia, con grupos reducidos”.

E comenta, por último, o impacto nos eventos que organizan dos casos detectados en Porto e Valdín. “Non hai ningun problema que afecte á realización de actividades nese sentido”, declara, e seguirán tomando as precaucións que xa tiñan: máscara, distancia de seguridade, grupos reducidos e control de temperatura.

También te puede interesar