As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de alta montaña, a debate en Trives

9 abril, 2016 ACTUALIDAD , TRIVES
As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de alta montaña, a debate en Trives

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)  -integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)-,presentou a xornada abert “As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de montaña”[1], que terá lugar o vindeiro sábado 16 de abril na Casa da Cultura da Pobra de Trives (Ourense).
 
Durante a rolda de prensa de presentación, Lídia Senra destacou a importancia de “seguir no camiño de contribuír á loita para garantir a supervivencia das zonas de montaña”. “Sen labregas e labregos vivindo nela, non é posible manter a montaña”, defendeu. Baixo esta perspectiva, participarán neste debate persoas expertas en figuras de protección medioambiental, labregas e labregos galegos titulares de experiencias de produción en zonas de alta montaña, así como representantes de diferentes Parques Naturais do Estado español e de Portugal. 
 
Senra explicou tamén que nos últimos meses vense debatendo no Parlamento Europeo temas que afectan ás zonas de montaña, e que na propia Comisión de Agricultura está enriba da  mesa a necesidade de que na UE se poña en marcha unha política de apoio efectivo ás áreas de montaña. “É prioritario apoiar a actividade agraria na montaña, apoiar que a transformación dos produtos da montaña se faga na propia montaña e traballar activamente para colocar eses produtos da montaña no mercado local e de proximidade”, establecendo por exemplo mecanismos para blindar e aumentar a actividade económica nestas zonas.
 
A eurodeputada galega afirmou que a xornada do día 16 na Pobra de Trives será “intensa” e fixo fincapé na necesidade de que as figuras de protección medioambiental nas zonas de montaña non supoñan dificultades para o desenvolvemento de actividades, senón que sexan fonte de oportunidades. “Estas figuras teñen que ser compatibles co mantemento de actividades na montaña e por iso adicaremos as xornadas a coñecelas en profundidade, a ver o que significan e como poden servir para apoiar as explotacións agrarias e o desenvolvemento das áreas de montaña”, insistiu.
 
Lídia Senra definiu esta xornada como un “debate formativo e informativo” para “tentar sacar propostas e analizar como podemos aplicar mellor as medidas de protección e compatibilizalas coa actividade agraria para que sirvan de apoio económico para as labregas e labregos e as persoas que viven na montaña”. “É fundamental que haxa apoios específicos para a xente da montaña, para as pequenas e medianas explotacións, para calquera persoa que se queira instalar na montaña e se queira incorporar á actividade agraria independentemente da súa idade,  apoiar a transformación dos produtos na propia montaña e a súa comercialización. Tamén o turismo de montaña é compatible coa actividade agraria se se fai de forma correcta”, dixo. De aí a necesidade de poñer en valor as figuras de protección medioambiental.
 
 

También te puede interesar