Primeira concentración barquense a prol da diversidade sexual

28 junio, 2017
Primeira concentración barquense a prol da diversidade sexual
Publicidad

Con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTB, unha quincena de persoas concentrouse na Praza do Concello de O Barco de Valdeorras para reivindicar a igualdade de dereitos dos homosexuais e a diversidade sexual.

É a primeira concentración deste tipo que se leva a cabo na localidade. Os presentes, leron un manifesto en defensa do colectivo LGTB no que falaron sobre a desigualdade, as agresións, actuacións homófobas e prohibicións que no século XXI seguen a existir con respecto a este colectivo.

Os manifestantes, que eran maioritariamente xente nova, recordaron a importancia que a educación ten neste sentido, así como a necesidade de apoio familiar e institucional de cara á diversidade sexual. “Queremos celebrar con orgullo o que somos, porque só un mesmo pode decidir sobre a súa vida e os seus sentimentos”, rezaba o manifesto.

Así mesmo, insistiron na necesidade de ter un día que recorde os dereitos do colectivo LGTB, porque segue a ser necesario reivindicalos, posto que aínda están en risco de exclusión na maioría de países. En contraposición aos que propoñen que haxa un día para os heterosexuais, os asistentes á concentración recordaron que os heterosexuais gozan de liberdade e dereitos dos que carece este colectivo.

O manifesto rematou cun desexo: “Queremos ser practicantes dun amor libre. Ser libres para decidir a quen amar”.

También te puede interesar