Petín reivindicou o 8-M co manifesto da escritora Mencía Yano

8 marzo, 2019 ACTUALIDAD , PETÍN
Petín reivindicou o 8-M co manifesto da escritora Mencía Yano

O Día da Muller xuntou a máis de medio cento de persoas na porta do Concello de Petín para reivindicar a igualdade das mulleres

Homes e mulleres, vestidos con camisetas de cor morado —doadas polo Concello— nas que se podía ler «Todas Libres», congregáronse as portas do edificio para escoitar o manifesto de Ofir Enríquez —escritora valdeorresa que publica baixo o pseudónimo Mencía Yano—.

Despois de dar unha breve explicación de porque o 8-M está adicado ás mulleres, fixo unha referencia a esta xornada como a da reivindicación, a de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade e, a da igualdade.

Aludiu a desigual salarial e o teito de cristal que limita as posibilidades de promoción, autonomía e liberdade das mulleres. Mencionou a violencia de xénero, os asasinatos, a violencia sexista, «feitos que lamentablemente seguen sendo cotiáns», segundo a escritora veciña de Petín.

«É ben triste que haxa que adicar un día para facer ver os dereitos das mulleres, algo que todos deberiamos ter interiorizado e normalizado nas nosas vidas, sen ter que adicarlle un día para conmemoralo. Non fai falta un dia internacional do home, no que se reclamen os seus dereitos», apuntou Enríquez.

O feminismo é a única resposta a todas as reivindicacións das mulleres, e non poden quedarse só nas frases das camisetas ou en slogans en tempo de campaña electoral, sinalou. Reclamou a igualdade dos dereitos sociais, laborais e económicos das mulleres que non é cousa dun día senón que hai que loitalo a diario lembrándoo cos feitos e o comportamento.

A educación das novas xeracións e primordial segundo a escritora quen antes de finalizar o discurso fixo a seguinte observación: «Deixemos constancia da nosa loita aos nosos fillos e fillas, educándoos para que tomen conciencia e crezan sabéndose iguais»

Se queres ver o vídeo da mensaxe de Mencía Yano fai clic na seguinte ligazón:

También te puede interesar