Esoutro día, cando comezabamos a facer memoria da nosa camiñada á ponte Navea polo roteiro dos sequeiros, deixamos o lector coa dúbida en relación coa interpretación, ou posíbeis interpretacións, do nome da “Pena Folenche”, punto de saída e portelo final daquel roteiro. Así, xa co mel nos beizos e sen piedade ningunha do auditorio, decidimos non demorar máis a cousa e retomar o paso.
Volvemos agora, con algo máis de vagar, a aquela escena: saíndo da aldea, ao pé do grande penedo que lle dá o nome, a toponimia é o primeiro campo que exploran no seu parrafeo particular Matilde, a guía da Oficina de Turismo da Pobra de Trives que nos acompaña, e mais o noso arqueólogo de cabeceira, o entrañábel Santiago Ferrer.
O debate sobre o apelido Folenche da pena vai e vén entre as explicacións botando man de «fol», pola semellanza da rocha con esta forma —no que nós entendemos que é unha mostra máis das moi abondosas “etimoloxías populares” na nosa cultura— ou a probábel existencia dun alxibe, ou depósito de auga, no que noutrora foi a torre dun castelo aproveitando a súa elevación natural e o carácter defensivo do enclave e que tamén remitiría a esa mesma imaxe de grande bolsa ou «fol».

Gustavo Docampo, técnico de Cultura do Barco, conversa co arqueólogo Santiago Ferrer no miradoiro da Pena
No entanto, sen ánimo ningún de lle levar a contra ao mestre Ferrer no tocante á existencia dese almacén de auga ou alxibe, cremos que a orixe do topónimo que nos ocupa dista moito de ter que ver co aspecto de grande fardelo ou bulsa que certamente presenta a pena. Por outra banda, os tirapuxas entre historiadores e lingüistas son relativamente frecuentes no esgrevio terreo da interpretación etimolóxica…, así que non iamos ser nós menos, sumándonos con moito gusto á retesía.
Hai varios aspectos que nos levan cara á opción filolóxica á hora de tentarmos esclarecer o significado do termo. O primeiro, e non menor, é precisamente esa peculiar terminación -che/-nche que aparece noutros nomes galegos de lugar —p. ex: Moeche, Nouche, Sabenche…— e que esixe, ao noso xuízo, a presenza dun caso xenitivo latino na forma orixinaria do vocábulo. Teriamos así expresada unha relación de “pertenza” ou “posesión”: a grande pedra-fortaleza leva asociado o nome dun antigo posuidor, de alguén que exercía algún tipo de dominio ou “señorío” sobre este lugar: a PINNA FULGENTII < Fulgentius, ou sexa, a Pena de Fulxencio. Por outra banda, dada a natureza defensiva do emprazamento, pensamos que lle acae perfectamente unha interpretación do tipo “Castro/Fortaleza de Fulxencio”.
Vemos co exemplo que nos trouxo até aquí como o campo da toponimia, ao tempo que ben interesante, é un terreo esvaradío, enigmático decote, onde moitas veces as aparencias, a primeira impresión ou as présas por lle atopar sentido a un nome adoitan levar ao engano. Arrincamos deitando a nosa ollada sobre unha pena senlleira e misteriosa. Isto non foi máis ca un limiar, unha pequena achega coa que abrirmos un vieiro na curiosidade por saber o que hai, ou que podería haber, agochado baixo eses nomes que os devanceiros lle deron polo miúdo á terra que habitamos, con todos os elementos que nos rodean.
Xabier Roo Abril