Os concellos do Barco e Trives tinguiranse de violeta

20 septiembre, 2019 ACTUALIDAD , O BARCO , TRIVES
Os concellos do Barco e Trives tinguiranse de violeta

As dúas vilas do oriente ourensá  únense á convocatoria SOS emerxencia, «A noite será violeta»

O Barco de Valdeorras e A Pobra de Trives secundan á iniciativa «A noite será violeta» sumándose así á emerxencia feminista que simboliza a necesidade de afastar o medo que senten as mulleres ó saír soas á rúa pola noite. As luces acenderanse na tarde noite deste venres, 20 de setembro.

A partir das 21:00 horas  a fachada do edificio do Concello da Pobra de Trives tinguirase de violeta e o do Barco permanecerá alumeado con esta cor toda a noite.

Nesta iniciativa participan máis de 100 cidades españolas e do resto do mundo como París ou Rosario na Arxentina.

«Desde o Concello do Barco apoiamos a convocatoria do movemento feminista coa iluminación en cor violeta do edificio do concello vello durante a noite do 20 de setembro de 2019. Desde o Concello do Barco queremos manifestar o noso apoio á convocatoria do movemento SOS  emerxencia feminista: “A noite será violeta”», apunta Orlando Saavedra, concelleiro de Servizos Sociais do Concello do Barco.

«O verán do 2019 será recordado no noso país como o verán negro. Non é unha alerta, é unha emerxencia Feminista. 42 mulleres asasinadas no que vai de ano 2019 e máis de mil desde 2003, ano en que se comezan a contabilizar. Ese número é o oficial, pero hai centos de mulleres, nenos e nenas que non figuran nas estatísticas oficiais ao non estar contempladas na Lei integral contra a violencia machista a súa relación cos asasinos», recalca o concelleiro do Barco.

«Faise imprescindible abordar a violencia machista como unha “cuestión de Estado”, violencia que afecta á metade da poboación e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes», remata.

O pasado 19 de setembro A Rúa e O Barco uníanse ás 47 cidades galegas que manifestaron diante dos Concellos a repulsa polo feminicidio de Valga.

También te puede interesar