O lago de Carucedo: Bañarse entre lendas e aves

20 julio, 2019 ACTUALIDAD
O lago de Carucedo: Bañarse entre lendas e aves

A tiro de pedra de Valdeorras, conta cunha zona de baño familiar e perfectamente adecuada

A lenda di que na anterga cidade de Lucerna vivía a astur Ondina, cuxo amor non correspondido por un xeneral romano, Tito Carissio, fixo que asolagase a urbe e as terras que a rodeaban. As bágoas de Ondina, di o mito, deron forma ó lago de Carucedo.


Publicidad

O certo é que a súa orixe non foi tan máxica como conta esta historia. Esta zona de baño, unha das máis populares na contorna, xurdiu da explotación aurífera das Médulas. Precisamente a escasos metros dos bañistas pódese atopar a Casa do Parque das Médulas, onde se ofrece unha visión xeral do enclave arqueolóxico.

De máis de catro quilómetros de perímetro e cunha profundidade máxima de nove metros, é un espazo protexido debido á biodiversidade que alberga, tratándose dunha auténtica reserva ornitolóxica. A escasa distancia tamén transcorre o Camiño do Inverno.


Publicidad

A tiro de pedra de Valdeorras —menos de media hora dende O Barco—, conta cunha zona de baño perfectamente adecuada xunto á vila de Carucedo. Nun entorno familiar, disponse de chiringuito con merendeiros, aparcadoiro á entrada, servizos, zona de céspede para tomar o sol e incluso aluguer de piraguas.

En definitiva, unha zona tranquila, perfecta para ir a desfrutar do medio ambiente e darse un chapuzón nestes tórridos días estivais. E quen sabe, se vostedes se achegan de noite se cadra poden contemplar as ruínas da cidade de Lucerna, iluminadas pola lúa baixo as bágoas de Ondina.

Texto e imaxe por Isaac Cruz.

También te puede interesar