O BNG pedirá no Parlamento galego «unha auditoría independiente do Hospital Comarcal Valdeorras que poña luz e taquígrafos e que dé conta de cantos profesionais hai dispoñibles, e a dotación material do centro». Así o explicou a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, na súa intervención en rolda de prensa na mañá do venres día 4 de xaneiro.
Ó seu carón tiña a deputada ó responsable comarcal do BNG en Valdeorras, Suso Vilasánchez, quen explicou que «o Hospital estase deteriorando demasiado» polo que «chega un momento que hai que pasar a actuacións dende grupos políticos». Insistiu Vilasánchez en que o tema dos partes de garda dí moito do que está a acontecer porque «ou non están completos ou figura xente que realmente non está de garda», algo que se pode unir ó «peche do programa de hospitalización a domicilio HADO, por falta de persoal, porque as prazas dos facultativos que están de baixa non se cubren».
Criticou tamén o responsable do BNG que non haxa «unha relación de postos de traballo do hospital do ano 2011, que era cando estaban nos orzamentos publicados, e tiña 62 médicos. Hoxe no 2019 non sabemos cantos hai, pero o que é peor, aínda que o souberamos tampouco iamos poder comprobar nada como pasou no 2017, que 20 médicos que figuraban na RPT estaban noutros hospitais». Para Vilasánchez é importante saber a verdade porque «a situación é un pouco dramática, xa é un desmantelamento crónico».
Pola súa banda a deputada Noa Presas, explicaba que «hai un recorte acumulado de máis de 2.000 millóns de euros cunha axenda oculta de desmantelamento; se confirma o que nós advertíamos cando fai un ano se aprobou a nova Lei de Saúde». Asegurou ademáis Presas que o seu grupo insistirá no Parlamento en que Valdeorras debe ter «un hospital en condicións, dotado con recursos humanos e materiais».