Música, contos e lendas para promocionar o Camiño de Inverno

8 septiembre, 2019 ACTUALIDAD , CAMIÑO INVERNO , CULTURA
Música, contos e lendas para promocionar o Camiño de Inverno

A Banda de Música do Barco actuará en catro municipios grazas ó proxecto «O teu Xacobeo» da Xunta

Desde o mes de setembro ata abril do 2020 a música terá un importante papel na comarca de Valdeorras. Isto será grazas á Banda de Música do Barco, que actuará en tres municipios da comarca e en Monforte de Lemos. O principal obxectivo é promocionar o Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca, ademais de mostrar o potencial da agrupación. O proxecto beneficiario do programa « O teu Xacobeo» está cofinanciado pola Xunta de Galicia.

As actuacións serán na Rúa, Vilamartín, O Barco e Monforte de Lemos. Isto será posible grazas a que a Banda foi elixida entre outras 700 propostas de toda Galicia —das que só foron admitidas 300—para o proxecto para a dinamización do Xacobeo 2021.

Manuel Prada nunha das últimas actuacións da banda

O principal obxectivo será, como explicou Gemma Delgado, «promocionar o  Camiño ao seu paso pola comarca para que o coñezan tanto peregrinos como os propios veciños. Tamén  queriamos darlle vida á banda». É por iso que decidiron presentar “«Sons de Banda no Camiño de Inverno» para esta iniciativa da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia.

Nesta serie de actuacións non só será protagonista a música, senón que ás notas da banda uniranse a un contacontos  que narrará historias e lendas relacionados co trazado que pasando por Valdeorras chega ata a Catedral de Santiago. Na actuación de Vilamartín, que será o próximo 28 de setembro na Praza José Luís Núñez, o encargado da narración será Eladio Santos «Lalo». Santos, integrante do grupo local, Gargallada Teatro, tamén estará na Rúa.

Cartel creado por Mauro Docampo para promocionar os eventos

En Monforte e no Barco—25 de abril de 2020— o papel do contacontos levarao a cabo Paula  Carballeira. «Ademais, Roi Domínguez fará durante unha das actuacións en directo un obra na que plasmará coa técnica artística que decida a súa visión do Camiño», aseguraba Gemma Delgado.

Actuación da Banda durante as Festas de Santa Rita o pasado maio

Na actualidade a Banda de Música do Barco está formada por 55 músicos, aínda que como explica o seu director, Manuel Prada, «na comarca non había tradición de banda ata o de agora e fáltannos instrumentos por exemplo, máis trombóns ou trompas». O repertorio que se mostrará nestes eventos será o tradicional da agrupación, aínda que non descartan ao longo dos meses facer un tema  musicalizado e narrado.

O cartel anunciador das actuacións está realizado polo integrante da banda e artista Mauro  Docampo, un mozo da comarca que con apenas 15 anos xa gañou varios concursos. Neste pódese ver á banda tocando por un trazado do camiño ao seu paso pola comarca.


Publicidad

A Banda de Música do Barco, como principal organizador, quere agradecer ademáis do apoio da Xunta de Galicia a través do programa «O teu Xacobeo», a colaboración dos Concellos e entidades privadas que se sumaron ao proxecto.

Se queres escoitar a entrevista que Itziar Marqués lle fixo a Manolo Prada, Gemma Delgado  e Mauro Docampo, preme na seguinte ligazón:

#OteuXacobeo #Xacobeo2021

También te puede interesar