Florencio Delgado Gurriarán, protagonista da Feira do Libro de O Barco

18 abril, 2017
Florencio Delgado Gurriarán, protagonista da Feira do Libro de O Barco
Publicidad

A Feira do Libro inaugurarase o vindeiro sábado 22 de abril e durará as dúas xornadas do fin de semana.

A Concellaría de Cultura de O Barco, dirixida por Margarida Pizcueta, preparou, para este evento literario, unha serie de actividades que terán o seu epicentro na figura de Florencio Delgado Gurriarán, como unha reivindicación máis para que sexa o protagonista do Día das Letras Galegas.

Será o sábado a tarde, a partires das 16:00 horas, cando dea comezo a feira, durante a cal se presentará a exposición “Florencio Delgado Gurriarán: Bebedeira de Ensoños”, do doutor en Historia Contemporánea Ricardo Gurriarán, que versa sobre o poeta Valdeorrés. Conta con distintos obxectos e libros persoais do autor, así como a súa obra literaria. Estara presente, ademais, Ángel Fernández, que mostrará a súa colección privada de textos e cartas.

Outra das iniciativas impulsadas polo concello é a dun obradoiro de escritura creativa para os máis pequenos, así como un concurso de microescritura para adultos, cuxo gañador recibirá un lote de libros. Co afán de implicar tamén aos máis maiores da vila, Pizcueta propuxo un contacontos no que os maiores sexan os que lean os contos aos nenos e nenas. Segundo explicou a concelleira, xa hai máis de 40 avós dispostos a participar nesta actividade, que terá lugar o sábado e o domingo a partires das 12:00 horas na Ludoteca. “Como a tradición dos contos vén da man dos avós, pareceunos unha boa idea, e os maiores están moi entusiasmados”, comenta Pizcueta.

A música tamén estará presente nesta Feira do Libro -de novo cunha referencia a Florencio Delgado Gurriarán- nun concerto chamado O Son do Vento, que terá lugar o domingo ás 13:30 horas.

Entre todos aqueles que merquen libros durante estas dúas xornadas sortearanse varios lotes de libros e CDs cedidos polo concello.

Nesta edición da Feira do Libro participarán dúas librarías locais e unha de A Rúa, así como un xornal da vila, o Instituto de Estudos Valdeorreses, Vagalume, Ateneo Republicano e o Cine Club Groucho Marx. A concelleira asegurou, ademais, que están convidadas algunhas florerías que aínda non confirmaron asistencia.

También te puede interesar