Fin de semana de entroidos ao longo de toda a comarca

25 febrero, 2017
Fin de semana de entroidos ao longo de toda a comarca
Publicidad

Chegou o Entroido e con el as cores, a música, os bailes, os disfraces, os fulións e a fariña en todos os concellos da comarca. Fin de semana de troula cunha longa lista de sitios aos que acudir a conmemorar esta ancestral celebración. Resumimos a programación dos distintos concellos que celebran por todo o alto este Entroido 2017.

Vilariño de Conso

O sábado en Vilariño de Conso a partir das 18:00 horas comeza a ronda de Fulións polas calles da vila, en representación das tradicionales “visitas” rondando as bodegas do pobo, para rematar logo na carpa habilitada, onde se poderá degustar o tradicional “Porco ao espeto”. O mesmo sábado a partir de las 20:00 horas terá lugar o concurso de disfraces e a posterior festa a cargo da discoteca móbil A Gramola.

O Domingo Gordo terá lugar o prato forte de Vilariño de Conso e día grande do Entroido. Ás 12:00 horas, lectura do pregón na praza do pobo, seguido dos Fulións de todas as parroquias e concellos, que recorrerán as rúas de Vilariño coas súas carrozas, nun desfile que se alongará ata a hora do xantar. Todas as carrozas participantes sumaranse ao Consurso de Carrozas.

Arredor das 14:30 horas do domingo, no pavillón polideportivo celebrarase a esperada XXVIII Edición da Festa do Cabrito, referente gastronómico de Vilariño e Festa de Interese Turístico de Galicia, que contará cun aforo de máis de mil persoas. O menú incluirá empanada, chourizos, pan, cabrito e bica, ademais de bebida e chupitos.

O Martes de Entroido ás 19:00 horas será tempo sa queima do lardeiro e a lardeira, acompañada de bombos e gadañas para ir despedindo o Entroido.

Xa o Mércores de Cinza, día 1 de marzo, o Entroido remata co Enterro da sardiña, que terá lugar ás 20:00 horas da tarde no Toural, seguido da tradicional sardiñada, que poñerá fin ao Entroido ata o próximo ano.

Vilamartín

Vilamartín vivirá o Entroido contando coa colaboración da Asociación de Coveiros, o Folión Os Viticultores e a Asociación de Mulleres Rurais Cima de Vila. O sábado, día 25, celebrarase o gran desfile que recorrerá as rúas do pobo. Comezará ás 17:00 horas na zona da Rodeleira para rematar nas Covas de Cerdeirais, despois de recorrer a rúa principal de Vilamartín.  Unha vez rematado todos os participantes terán unha festa con viño e pinchos. Ese será o premio para todas as persoas que se acheguen á vila a gozar desta celebración de Entroido en comparsa. O fin de festa virá amenizado por un grupo de música que será a sorpresa ata ese día.

Viana do Bolo

A festa comeza o sábado, como ven sendo tradicional, con fariña, disfraces e folións. O Domingo Gordo, 26 de febreiro, será o día máis esperado, e comezará ás 12.00 horas co desfile de Fulións, boteiros e carrozas ata a Praza Maior. Ás 14.30, XLVII Festa da Androlla, con comida na carpa e pavillón. O menú consta de: consomé, androlla, chourizo, lacón, grelos e patacas. De postre, bica, café e queimada. Ten un prezo de 17 euros. A tarde noite, para rematar o día, haberá un grupo musical actuando na Praza Maior.

O Luns 27 é o día do Entroido Infantil en Viana do Bolo. Ás 16.00 horas haberá fulión infantil, xogos tradicionais, música, disfraces e chocolatada. E ás 20.00 horas, Fulión Trapalleiro.

O Martes de Entroido, terá lugar o desfile de Fulións ata Cabo da Vila, para rematar coa Sesión Vermú. Ás 16.00 horas Gran Fariñada e Fulións por toda a localidade. Ás 22.00 horas é o tempo da Cea de Fulións no pavillón e ás 00.00 horas, todos a ver a queima dos Lardeiros. Ademais, concurso de disfraces, discomóbil e baile.

O Mércores de Cinza, terá lugar, como non podía ser doutra maneira, o Enterro da Sardiña en Viana do Bolo, para despedir este Entroido 2017. Farase tamén un percorrido polas rúas ata o Cabo da Vila para rematar cunha gran sardiñada popular acompañada de torrexas.

O Barco

Aínda hai tempo de gozar da XVIII Edición das Xornadas Gastronómicas do Entroido, que se celebran ata o 28 de febreiro en varios restaurantes da vila, organizadas por AEVA e Centro Comercial Aberto en colaboración co Concello de O Barco.

Os locais participantes son: Pazo do Castro, Asador de Viloira, Casa Galaica, Pulpería el Dorado, Casa Ignacio, Mesón Asador Vila do Castro, Restaurante Fernando III Il Piaciere Gastrobar, San Mauro e Agarimo.

Xunto cos menús degustados nestas Xornadas do Entroido participarase no sorteo de 12 estoxos de viño da Denominación de Orixe  Valdeorras, doadas polo Consello Regulador da DO Valdeorras. Só será necesario pedir a rifa de participación, enchela cos datos persoais e deixala na oficina de AEVA. O prazo remata o día 3 de marzo de 2017 e o sorteo será o vindeiro día 6.

Ademais destas xornadas, o Entroido en O Barco comeza o luns 27 coa festa infantil no pavillón vello a partires das 17.00 horas. Haberá inchables, atraccións infantís, karaoke e desfile de disfraces para os máis cativos.

O Martes de Carnaval, ás 17.30, terá lugar o xa tradicional desfile de comparsas e folións, que partirá da rúa Conde Fenosa, acompañados pola charanga Os imparables do Barco e a batucada Bate no Cobre de Vigo. O desfile rematará na praza Maior, onde esperará a disco móbil Boa Festa para amenizar o baile.

O Mércores de Cinza a partir das 19.30 terá lugar o Enterro da Sardiña, poñendo fin ao Entroido 2017, amenizado cunha chourizada para todos.

A Rúa

O Entroido en A Rúa inaugúrase o sábado coa Festa Infantil de Disfraces a partir de las 17:00 horas con obradoiros, chocolatada, música, bailes y xogos.

O domingo teatro, tamén para os máis cativos, no Centro Cultural Avenida ás 18.00 horas. A compañía Artestudio Teatro representará a peza “Valados”, baseada no libro do mesmo título publicado por Agustín Fernández Paz en Xerais. A obra nace co obxectivo de traballar os múltiples valores abarcados por Fernández Paz: amizade, compañeirismo, lealdade, igualdade, tolerancia, respecto, confianza… e por outra banda discriminación, egoísmo, incomprensión, separación, medo…

O Martes de Entroido, gran desfile de comparsas a partir das 16.30 horas, con saída dende a cooperativa.

E o Mércores de Cinza, cómo non, o Enterro da Sardiña. O velorio situarase no atrio de A Rúa Vella ás 20.00 horas e finalizará na Praza César Conti.

Rubiá

O sábado en Rubiá irá dedicado aos máis pequenos coa celebración do Entroido infantil.

O domingo terá lugar o desfile de comparsas, con saída a las 17.00 horas. Todos os grupos que participen e teñan máis de 12 membros  e estean inscritos no Concello de Rubiá serán recompensados da seguinte maneira: 150 euros para grupos de entre 12 y 20 membros, 200 euros para grupos entre 21 y 35 membros, 250 euros para grupos que superen os 36 membros.

A pobra de Trives

O Entroido da localidade da Pobra de Trives conta con distintas actividades para grandes e pequenos, que versan dende desfiles de folións, a disfraces, comparsas, e fariña.

O luns de é a quenda do Entroido Infantil ás 17:horas, con chocolatada para rematar.

O martes, a partir das 5 da tarde terá lugar o desfile de comparsas e folións polas rúas da vila. Remata o día con chocolatada e pinchos para todos.

Manzaneda

O gran Entroido de Manzaneda comeza coas populares visitas dos fulións. O sábado, visita do fulión de Borruga/Cubeiros a Langullo ás 18.00 horas. Tamén o mesmo día será a Visita do fulión de Bidueria a Requeixo ás 21.00 horas e a Visita do fulión de Vilar a Reigada.

O día 25 recuperase a Fuliada da Mourela Pa Acá, a partir das 15.00 horas.

O día 26, o Domingo gordo, Fuliada en San Martiño a partir das 15.00 horas.

Pero o gran día de Manzaneda será o Martes de Entroido, que comeza ás 11.30 co desfile de fulions pola vila de Manzaneda. Ás 14:00 horas terá lugar o Xantar Popular, cun menú composto por chourizo cocido, empanada, carne ao caldeiro, viño da zona e bica. Todo por un prezo 10 euros por persoa, sendo gratuito para os menores de 6 anos.

A Veiga

O Martes de Entroido, desfile de comparsas e folións o Martes de Entroido en A Veiga a partires das 11:30 da mañá, con saída dende o pavillón recorrendo as rúas da localidade. Pola tarde, a partir das 18:00 da tarde, chocolatada e queimada para todos e todas e entrega de premios. Para rematar con festa rachada ata que o corpo aguante.

Otorgaranse premios para: os tres mellores disfraces, o mellor disfraz infantil, ás lardeiras, e premio ao mellor disfraz masculino e feminino Xoves de Lardeira.

Ademais, nesta edición do Entroido 2017, A Veiga recuperará a figura do tradicional Charrelo, que recorre as casas da vila en busca de comida para logo compartila con todos os veciños.

Arredor das 14:30 horas celebrarase o xantar popular e a tradicional festa da Soá. Prezo do menú 12 euros.

Petín

O sábado  Petín organiza unha festa “ata que o corpo aguante” a partires das 23 horas. No Teleclub-Petín, baile de disfraces amenizado por Susi Sotelo.

O Luns 27  celebrarase o Entroido para os máis pequenos, con festa infantil de disfraces e chocolatada.

También te puede interesar