Teatro. O Barco

4 noviembre, 2019
Teatro. O Barco

Sarabela Teatro presenta no TLO o venres 8 de novembro (21h) Crónicas do paraíso, na que un grupo de misteriosos viaxeiros comparten unha carruaxe viaxando por Bretaña. Gonçalo Guerreiro dirixe esta produción na que o grupo ourensán se achega aos fantásticos mundos de Cunqueiro.

Crónicas do paraíso é unha versión libre de As Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. A trama orixinal de Cunqueiro serve para darlle forma a unha nova estrutura narrativa habitada polo universo do crime. Mantense a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo. Mais nesta montaxe, os límites confúndense: a noite fúndese co día, a morte, coa vida e o drama, coa comedia.

A posta en escena –asinada por Gonçalo Guerreiro, da compañía Elefante Elegante– ten vocación contemporánea e mestura conscientemente os xéneros: a interpretación coa danza e as linguaxes non verbais co texto, escrito por Fernando Dacosta. Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago protagonizan unha montaxe na que participou un equipo de máis de vinte persoas.