Magosto. Trives

26 octubre, 2018
Magosto. Trives

Unha das tradicións que sigue moi viva entre nós, é o Magosto, converténdose na festa máis importante do outono. Festa ben arraigada na nosa cultura.

Familias, grupos de amigos, grandes e pequenos,…todos xuntos arredor da fogueira con castañas, chourizos, viño, doces e licor café, reúnense dende a tardiña ata ben entrada a noite. Unha xornada para desfrutar de conversas alegres e momentos divertidos en boa compaña, na que non pode faltar a música e o baile.

Dentro das actividades organizadas para a xornada do magosto, inténtase chegar a todos os públicos. O día 10 de novembro é a data elixida para festexar o Magosto no Concello da Pobra de Trives, e xa comezaremos a festa pola mañá, cun pequeno paseo polos Sequeiros coñecendo a tradición de recoller e secar as castañas. A festa trasládase, xa pola tarde, ao baixo do centro cívico, no Patio Santa Leonor, onde a partires das 18:30h dá comezo o Magosto
con castañas asadas, chourizos, viño e licor café. O prezo será de 5€ para os asistentes de 12 anos en adiante, de 2,50€ para as idades entre 7 e 12, ambos incluídos, e de balde para os menores de 7 anos.

Este ano xa imos tamén pola sexta edición do Certame de Doces Típicos de Outono e será na sobremesa do magosto onde se degustarán os doces participantes e onde se lles entregarán os agasallos aos grandes reposteiros.
Tamén nesa mesma festa coñeceremos o gañador ou gañadora do “II Concurso do Magosto Literario”, o cal recibirá un premio de 100€ e un lote de libros.