Manoli Gómez: «O Entrudio é unha festa impresionante porque vivímola»

13 febrero, 2020
Manoli Gómez: «O Entrudio é unha festa impresionante porque vivímola»

O folión signifícao todo. A unión do pobo, pasalo ben e dar a coñecer o que temos

O Entroido na Veiga é especial. Tanto, que mesmo lle chaman ” Entrudio”. Este mes o protagonista é o  folión, pero tamén as súas  representacións, onde os animais teñen unha importante presenza. Isto débese a que o municipio está formado por aldeas de alta montaña en constante convivencia co mundo animal.

O Charrelo, a Lardeira, o Boi, os Fareleiros e Fareleiras, as Vellas, a Morte e ou Zamarreiro son algunhas das representacións que poderemos ver por calquera das rúas da Veiga durante estas datas, aínda que o Martes de Entroido é un dos seus días grandes, momento no que se celebra “A Festa dá Soá“. Manoli Gómez, da Asociación Cultural “O Son de Trevinca” contounos todos os detalles deste peculiar Entrudio.

Charrelos de Baños, Boi e Morte do Entrudio da Veiga

Vamos a falar da vosa tradición, de como vivides vos estas datas de Entroido que son moi especiais, que se viven con especial fervor e, para que compartas con todos como é aí esta festa.

Na Veiga o Entrudio, porque nos chamámoslle Entrudio, é unha festa impresionante porque vivímola. Levamos case un mes vivíndoa. Onte fixemos o Lardeiro. Xuntámonos un grupo de mulleres para facelo e logo colgámolo para que esta mañá aparecera posto. Pasamos toda a noite de troula. Hoxe fan a cea os homes e, o xoves que ven, son eles os que fan a Lardeira e nos a cea. 

En qué consiste esta tradición da Lardeira?

Ven de moi antigo, dos nosos antepasados. Aquí hai distintos pobos co fan de diferente forma. Por exemplo, no pobo que era da miña nai, sorteaban un mozo e unha moza, entón o mozo tiña que facer o moneco da moza e a moza o do mozo que saíra no sorteo. Roubábanse a roupa un ó outro para facer os mecos que a mañá  aparecían colgados.

Lardeiro na entrada da Veiga no Entroido do pasado ano

Ademais destes, tedes outros moitos personaxes que saen polas rúas dos que logo falaremos pero antes, cóntanos cousas do folión, o ritmo que seguides, canta xente forma parte del…

Pois no noso somos 80, temos a sorte de que somos un concello no que todos os pobos tocan no mesmo folión. Estamos moi unidos, somos unha familia. Non só tocamos na Veiga senón que saímos a outros pobos que teñen folión e eles devólvenos a visita. Pobos que son amigos e nos que despois de tocar e pasar a tarde xuntos, facemos unha merenda. E, así levamos desde despois de Reis.

Manoli tocando a aixada na xuntanza de Petín o sábado 1 de febreiro

Que instrumentos conforman o voso folión?

Bombos, aixadas e gadañas. O noso toque ten algo moi particular, os outros son «anacomepán, anacomepán»,o noso ten un toque largo, un pouco complicado, con máis ritmo. Moi bonito.

Como vivides estes días? Que significado ten para vos o folión?

Todo. Signifícao todo. Significa, a unión do pobo, pasalo ben; porque para nos o Entrudio non é unha competición entre pobos, é pasalo ben entre nos e dar a coñecer o que temos. Até o de agora moitas cousas non se coñecían, nos si o sabíamos porque os nosos antepasados contánbanos o que facían. A Veiga quizás é o concello con maior tradición de máscaras e de figuras diferentes en Galicia, por non dicir en España. Somos 27 pobos e temos 22 formas diferentes de vivir o Entrudio.

Os rapaces da Veiga xa nacen co toque correndo polas veas

Que idades comprende o folión?

De meses. As últimas que naceron teñen meses e os mais maiores sobre 56 ou 57 anos.

Nácese xa co ritmo no sangue?

Claro que si, e herdámolo tamén. O meu pai tocaba o igual cos meus avós. Non tocaban en si o bombo, porque este era para ricos, ten en conta que non todos tiñan peles para facelo. Cal é a definición de folión? Facer ruído; facer ruído polas rúas, entón con que o facían? Con tapadeiras, con potas vellas, botellas de cristal con todo o que fixera ruído para chamar a atención.

Pequeno vivindo o Entroido na Veiga vestido de Charrelo

É chamativo ver eses cativos que aínda non saben camiñar e xa levan o ritmo.

Si, ademais agora como sacamos o dos Charrelos moitos dos pequeniños tamén fan o traxe de Charrelo para que non se perda. Estivo esquecido moitísimos anos nos recordos dos nosos avós.

Para quen non o coñeza, cóntanos como é.

Temos dous Charrelos, o de Baños que é o que sacamos no folión e o de San Lorenzo que é outro pobo, son totalmente diferentes. O Charrelo de Baños vai con pantalón, legas, camisa e con gorro moi chamativo. O de San Lourenzo é un home todo de palla, sen embargo os dous reciben o mesmo nome.

Despois tamén temos a Morte, as Fareleiras o Cinseiro… Vinte dúas formas distintas de vivilo, os pobos están distantes entre si, entón cada zona facía dun xeito diferente.

As cintas que adornan o gorro, a máscara e as chocas na espalda caracterizan ó Charrelo

Todas as personaxes teñen importancia, pero quizais a da Morte é a que máis chama a atención, a que máis impresiona cando se ve por primeira vez.

Vaia si impresiona! A Morte cerraba o Entrudio, ía ca gadaña e daba paso á coresma. Era a maneira de rematar, de dar o toque final ata o ano seguinte.

Fálanos dalgún outro personaxe. Nomeaches os Bois, o Zamarreiro, cales acompañan ó folión?

Este ano levamos á Morte, ós Charrelos, ó Zamarreiro, ós Bois e ás Abeleiras. Para o ano seguiremos sacando, para que os nosos descendentes saiban o que había e que teñan documentado algo que si existía, que non sae da manga. 

Temos os fachós de estopa, non eran de palla eran de estopa, pero si existía esa tradición. Temos o de botar cinsa, o de botar betún; a corrida do galo que collían os nenos para logo levarllo o mestre, infinidade de cousas.

A morte ca gadaña e as cadeas é unha figura que arrepía o corpo

Unha tradición peculiar pero, o máis importante sen dúbida, é estar na Veiga para coñecela é poder desfrutar dela, por moito que queiramos contar se non se ve un non pode facerse a idea, verdade?

Onte á noite xuntámonos un grupo; hai una mestra que veu de Lugo e levámola con nos. Quedou impresionada! Era só facer o Lardeiro, pero a festa que montamos, as risas, a forma de facelo, de colocalo, a emoción. Non é facer un compadre ou unha comadre e colgalo, nos facemos o Lardeiro como antigamente. As mulleres roubando roupa para que apareza hoxe co xersei dun veciño e o pantalón doutro.

O luns é o día do folión. Disfrazámonos, ceamos todos xuntos e acabamos botando fariña. Hoxe tamén se bota e o Xoves da Lardeira, tamén. 

O Martes de Entroido hai comparsas, carrozas e diferentes folións, acabamos xantando a soá no pavillón. O sábado seguinte, o folión ca axuda do concello organiza a despedida na que participan folións amigos doutros pobos.

Se chove os Charrelos sustitúen o gorro de lazos por un de palla para non estragalo

Con pena esa despedida, non?

Si, triste. Parece que che falta algo cando acaban estas datas. Ó fin de semana seguinte dis, dios! É como un vacío que notas, tremendo. Levas mes e medio todos os fines de semana indo a un sitio, indo a outro; cena dun lado, cena doutro; pasándoo ben e todos xuntos. Porque logo non nos vemos durante todo ano, coincidimos nestas fechas. Somos una familia, non hai discusións, sumamente unidos, somos unha piña.

Manoli moitísimas grazas por falarnos da vosa  tradición e da vosa historia.

Moitas grazas a vos, estades invitados. A Veiga ten as portas abertas para todo o mundo e o que único que queremos é pasalo ben e divertirnos Que para iso é o Entrudio

O Folión da Veiga ó remate do Entroido en 2019

A baixada do folión da Veiga á praza do Concello o Martes de Entroido

También te puede interesar