O Eixo Atlántico presenta en Bruselas a primeira Axenda Urbana de Europa

10 octubre, 2018 ACTUALIDAD
O Eixo Atlántico presenta en Bruselas a primeira Axenda Urbana de Europa

O Eixo Atlántico presentou na mañá do mércores día 10 de outubro en Bruselas, a primeira Axenda Urbana transfronteiriza da Unión Europea, no contexto da Semana Europea das Rexións e Cidades. Dita axenda avanza na execución do Plan de Acción do Eixo, que supón a posta en marcha efectiva das súas recomendacións para os concellos a ambos os dous lados da fronteira. Esta execución alíñase perfectamente cos cos obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas, o que significa que as cidades que apliquen o Plan de Acción , tamén estarán aplicando as directrices dos 17 obxectivos da Axenda da ONU.

Os responsables do Eixo Atlántico destacaron o carácter transversal do documento, xa que toca practicamente todas as cuestións estratéxicas da política urbana e o seu elevado proceso de participación, ao integrar as achegas dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal, así como dos cidadáns, a través do proceso de consulta pública realizado.

O presidente do Eixo, Alfredo García, interviña no evento que tivo lugar no Square Conference Centre, poñendo de relevo a realidade a realidade urbana nos territorios despoboados de baixa densidade demográfica, como é o caso do interior de Galicia e Portugal, «onde os núcleos urbanos que dan servizo a toda unha comarca non poden acceder aos fondos europeos para o desenvolvemento urbano, como as EDUSI en España, por estar dirixidas a poboacións con máis de 20.000 habitantes, debendo contabilizarse estes no núcleo urbano, non na comarca». Neste contexto, o  tamén alcalde do Barco e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, expuxo a necesidade de deseñar «unha política urbana que sexa o suficientemente flexible como para adaptarse á realidade de todos os países e rexións, sendo capaz así de responder os retos de todo tipo de áreas urbanas».

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, lembrou que «dous terzos da poboación europea vive en cidades e que esta porcentaxe se elevará nos próximos anos». Ademáis, salientou que «se a isto unimos que o 37% da poboación europea vive en rexións fronteirizas, é fácil ver a importancia de ter unha axenda urbana transfronteiriza».

Tamén estivo presente no acto a subdirectora xeral de Urbanismo do Ministerio de Fomento de España, Ángela de la Cruz, quen informou sobre o proceso de elaboración da axenda urbana española e definiu este documento como «unha guía para lograr a sustentabilidade dos modelos urbanos». Tamén Laura Hagemann, membro da Unidade Urbana da Comisión Europea, falou da política urbana, a axenda urbana europea e o seu encuadramento no próximo período de financiamento comunitario. O seminario, ademais, contou coa participación de José Palma Andrés, ex-director de Cooperación territorial da Comisión Europea, uns dos principais redactores do documento do Eixo Atlántico.

Dende o Eixo Atlántico destacan que a Axenda Urbana é «unha das máximas prioridades da Comisión Europea e, como tal, guiará o desenvolvemento das políticas comunitarias nos próximos anos».

También te puede interesar