E ti… ¿En qué concurso participarás?

19 abril, 2017
E ti… ¿En qué concurso participarás?
Publicidad

Os Concellos de O Barco e A Rúa, co afán de involucrar aos veciños valdeorreses nas actividades promovidas polas administracións municipais, organizan varios concursos con xenerosas recompensas.

Como xa viñamos anunciando fai uns días, a proposta estrela incluída dentro da Campaña de reciclaxe 2017 -que promove a Concellaría de Medio Ambiente do Barco- é “O Barco Libre de Cacas”, que busca solucionar a situación que crean os excrementos caninos nas rúas barquenses e concienciar aos cidadáns da magnitude do problema. A iniciativa consiste na colocación de globos -por parte dos nenos e nenas dos colexios de O Barco- cun slogan rechamante nas zonas onde se atope algún excremento.

Para a selección do slogan, o concello organiza un concurso dirixido ao escolares de Educación Primaria de O Barco (de 1º a 4º curso). Cada colexio poderá presentar catro frases ao concello, elixidas entre todos os rapaces. Tamén cada neno, de forma individual, poderá lanzar a súa proposta a través das radios existentes na localidade (Onda Cero e Cope Valdeorras), que realizarán programas cos nenos para pedirlles a súa participación na elección da frase que se imprimirá nos globos. A presentación de propostas poderá realizarse tanto chamando ás radios, como nos espazos que ambos medios de comunicación abrirán nas súas redes sociais. As propostas que se presenten nas radios serán comunicadas ao Concello ao remate do prazo establecido.

Unha vez elixida a frase de entre todas as propostas, os escolares sairán ás rúas da vila para colocar os globos en xardíns e beirarrúas.

Outra das iniciativas recollidas na Campaña de Reciclaxe 2017 está dedicada á concienciación social da importancia da reciclaxe e ao compromiso co medio ambiente. Para elo, O Barco ten preparado outro concurso bautizado como “reto #obarcoverde”, dirixido a todos os veciños, que se levará a cabo a través das redes sociais. Este reto pretende que os cidadáns difundan as boas obras polo medio ambiente que realicen, como por exemplo, a separación correcta dos residuos ou a utilización do punto limpo.

O concurso xa comezou e estará activo ata o 10 de xullo. Para poder participarar será necesario etiquetar na publicación ao Concello de O Barco/Ayuntamiento de O Barco de Valdeorras (en Facebook) ou @ConcellodoBarco (en Twitter) e incluir o hashtag #OBarcodeVerde. Entre todos os participantes sortearase unha cámara dixital acuática. As bases poden consultarse na páxina web do Concello de O Barco.

Pola súa banda, o Concello de A Rúa, convoca un ano máis sendos concursos públicos para a elaboración dos carteis da Baco Festa 2017 e Festas de Verán 2017 respectivamente. A presentación de orixinais, que deberán estar relacionados coa temática que representan, remata o vindeiro 19 de maio. Os textos: BACO FESTA 2017 e FESTAS VERÁN 2017 A RÚA, respectivamente, deben estar obrigatoriamente incluídos nas propostas presentadas. O concello incluirá o selo oficial.

Ambos concursos abertos teñen un premio en metálico de 150 € para o deseño gañador. As bases de ambos concursos poden consultarse na páxina web do Concello de A Rúa.

También te puede interesar