«Digicraft no teu cole» chega ao «Condesa Fenosa», a Rubiá e Vilamartín

17 octubre, 2019
«Digicraft no teu cole» chega ao «Condesa Fenosa», a  Rubiá e Vilamartín

Trátase dun programa para reforzar as competencias dixitais do alumnado e se prolongará durante dous cursos

O Colexio Condesa Fenosa de O Barco, o «Xosé Manuel Folla Respino » de Vilamartín e o CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá son tres dos 50 centros educativos galegos escollidos para participar, durante dous cursos académicos, no proxecto «Digicraft», que ten como obxectivo a mellora das competencias dixitais do alumnado.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a directora da Amtega, Mar Pereira, abordaron cos docentes e directores dos colexios participantes esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Fundación Vodafone España.

A conselleira de Educación salientou que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que está facendo unha aposta «seria e global» polo uso «seguro e crítico» da tecnoloxía nas aulas desde a etapa de infantil, e sempre coidando incorporar contido humanístico «á revolución tecnolóxica que vivimos».

Nesta liña enmárcase o proxecto« Digicraft no teu cole», que trata de achegar os estudantes ao mundo dixital converténdoos en creadores, «non como consumidores», matizó a conselleira.

Presentación de«Digicraft» á que acudiron directores dos centros escolares

Ademais do reforzo de competencias dixitais nas aulas, esta iniciativa vai permitir tamén outras como a comunicación,«aprender a aprender», desenvolver o espírito emprendedor, fomentar o traballo en equipo, a resolución de problemas, a toma de decisións, a capacidade lingüística oral e escrita, o razoamento crítico e a aprendizaxe autónoma.

O proxecto «Digicraft no teu cole» ten como obxectivo potenciar o desenvolvemento da competencia dixital na infancia e na xuventude, a través dun programa de formación e reforzo das habilidades dixitais e das competencias asociadas do que se beneficiarán nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

Traballaranse en cinco áreas da competencia dixital: información e alfabetización; comunicación e colaboración; a creación de contidos dixitais; seguridade e resolución de problemas. Dentro delas abordaranse a procura e filtrado de datos, a participación cidadá en liña, a xestión da identidade dixital, os dereitos de autor e licenzas, a programación, a protección de datos persoais e a privacidade ou a identificación de necesidades e respostas tecnolóxicas, entre outros aspectos.

Este programa, caracterizado pola súa transversalidade, permite traballar en equipo, tomar decisións, aumentar a capacidade de comunicación oral e escrita, o razoamento crítico e a aprendizaxe autónoma, entre outras.


Publicidad

En cada curso académico trabállanse dous itinerarios de 14 horas de duración —un total de 1 hora á semana durante 28 semanas lectivas—. Estes itinerarios están compostos por unha serie de actividades que van aumentando gradualmente en nivel de dificultade. As actividades combinan o mundo dixital e a tecnoloxía co xogo, o aprender facendo e o desenvolvementode habilidades motoras.

Cada actividade conta cunha guía didáctica na que se explica os obxectivos que se queren lograr, o material necesario e os pasos para seguir para realizala. Dado que traballa parte das competencias definidas no currículo de primaria, «Digicraft no teu cole» pódese impartir tanto en horario lectivo como fóra del.

También te puede interesar