O Barco ofrece sete rutas turísticas de senderismo pola localidade

5 abril, 2017
O Barco ofrece sete rutas turísticas de senderismo pola localidade
Publicidad

 

O Concello de O Barco, en colaboración co Club Peña Trevinca, presentou unha serie de rutas turísticas de senderismo que percorren a localidade co fin de cubrir unha necesidade dos que veñen a visitar a comarca.

Son un total de sete rutas: A Ruta das Penas Marías, a Ruta de Alixo, a Ruta do Sil, a Ruta das Hortas, a Ruta Monumental, a Ruta da Pincheira e a Ruta do Río Galir; explicadas cada unha delas nun pequeno panfleto que facilita o concello. No reverso do mesmo podemos consultar a dificultade de cada unha, así como a lonxitude do percorrido, a duración, o desnivel, a sinalización… que veñen recollidos no apartado de datos técnicos da ruta. Ademais, cada folleto conta cun mapa da ruta e fotos dos puntos a visitar, acompañados por unha breve explicación histórica e información de interese.

Na presentación, en rolda de prensa, estiveron o presidente do Club Peña Trevinca, Pablo Aller, e a concelleira de Comercio e Turismo Irene Dacal, que explicou que “llevamos casi dos años trabajando en estas rutas y ya hace mucho tiempo que la gente nos las pide”.

Ambas entidades traballaron tamén nunha guía de aloxamento e restauración, que sinala varios puntos da vila onde comer ou durmir. Esta guía, xunto cos panfletos das rutas, estarán dispoñibles no Concello para todo aquel que o solicite, así como tamén nos hoteis ou puntos turísticos da zona.

A concelleira fixo fincapé na Ruta do Sil, sinalando que foi unha iniciativa do alcalde, Alfredo García, que puxo especial interese na creación desta ruta que une as dúas veiras do río.

O vindeiro domingo 9 de abril o Club Peña Trevinca Barco ten programada a Ruta de Alixo, con saída ás 8:45 horas dende a Casa da Cultura de O Barco. Trátase dunha distancia de aproximadamente 15 km, de dificultade media. A inscrición, que se fará a través da páxina web do club, remata o venres 7 de abril.

También te puede interesar