A Asociación Amigos do Camiño volve de promocionar o Camiño de Inverno en Bélxica

12 mayo, 2017
A Asociación Amigos do Camiño volve de promocionar o Camiño de Inverno en Bélxica
Publicidad

Varios representantes da asociación valdeorresa do Camiño de Inverno viaxaron a Bélxica para participar nunha serie de actos conmemorativos dos trinta anos da declaración do Camiño de Santiago como o primeiro Itinerario Cultural Europeo, que se cumprirán no próximo mes de outubro.

As encargadas de representar o Camiño de Inverno en Bélxica foron a presidenta da asociación na comarca, Asunción Arias, e a secretaria, Asun Adá.

A viaxe foi organizada por Turismo de Galicia en resposta a unha invitación do Intergrupo Turismo e Patrimonio Cultural: O Camiño de Santiago e outros itinerarios culturales do Parlamento Europeo.

Os directivos e membros das asociacións reuníronse na cidade de Namur, pola que pasan varias rutas do camiño xacobeo, para participar en varios actos conmemorativos.

Xa de volta, a presidenta da asociación valdeorresa recoñeceu que foi importante comprobar que no intergrupo parlamentario hai subsidios e asesores que están a disposición dos concellos, dos albergues e de todos aqueles cidadáns que se queiran implicar no camiño, para que poidan recibir axudas e asesoramento. “A conclusión importante que sacamos foi que por parte das administración nos teñen en conta como interlocutores, e recoñecen o noso traballo de cara aos peregrinos”, explica Asunción Arias.

Arias engadiu, que despois de ver a realidade dos camiños xacobeos en Bélxica, puido constatar que o Camiño de Inverno necesita infraestruturas para acoller a todos ese peregrinos que veñen de todas as partes do mundo, así como das asociacións que hai en Bélxica, que chegan a ter máis de 15.000 asociados.“No país hai unha gran sensibilidade de cara aos camiños xacobeos, especialmente aos que eles teñen, que son dous”, comenta a presidenta, que tamén insistiu na importancia de que todas as asociacións galegas e do resto do mundo traballen conxuntamente. “A ruta xacobea é como ese exemplo de interculturalidade entre as diferentes nacións, etnias, culturas, relixións… converténdose nun elemento cohesionador”.

Arias recordou tamén que os camiños xacobeos son dinamizadores, non só de cultura, senón tamén de economía.

A asociación valdeorresa encargouse de promocionar o Camiño de Inverno en Bélxica, polo que repartiu guías do camiño a todas as asociacións participantes nos distintos actos, varias das cales aseguraron que se achegarán a Valdeorras ao longo deste ano.

Agora, xa en Galicia, a asociación Amigos do Camiño de Valdeorras viuse na obriga de cancelar a actividade que tiñan programada para o vindeiro domingo por mor da choiva e non se celebrará a andaina a San Xulián.

También te puede interesar