As pinturas de Casaio, protagonistas do Congreso Neolítico

28 enero, 2020 ACTUALIDAD , CARBALLEDA
As pinturas de Casaio, protagonistas do Congreso Neolítico

Ata o momento puidéronse diferenciar ata 25 motivos pintados nas pinturas, que inclúen ata tres “ídolos  oculados”

Baixo o título “Mirando ao noroeste. Pintura de tradición esquemática de Pala de Cabras (Ourense)”, o grupo Sputnik Labrego xunto ao profesor Manuel Santos Estévez, da Universidade do Minho, presentarán unha comunicación no VII Congreso Internacional do Neolítico na Península Ibérica, que terá lugar esta semana en Sevilla. Nesta comunicación expoñeranse os primeiros resultados das investigacións levadas a cabo sobre o conxunto de pinturas esquemáticas descubertas en  Casaio hai un ano. «A pesar da falta de medios, e grazas á colaboración de Manuel Santos como experto en arte prehistórica, puidemos levar a cabo as primeiras análises sobre este impresionante conxunto», afirma Carlos Tejerizo, director de Sputnik  Labrego. 0

Polo momento, e como confirma Tejerizo, puidéronse diferenciar ata 25 motivos pictóricos, que incluirían tres “ídolos oculados”, motivos moi característicos do terceiro milenio antes de nosa era e que «supoñen un dos escasos exemplos en todo o noroeste peninsular e primeiro en Galicia».


Publicidad

Esta comunicación permitirá dar a coñecer estes resultados á comunidade científica, co obxectivo de intercambiar impresións e experiencias con expertos de todo o mundo sobre este tipo de representacións pictóricas. «Será unha oportunidade única para por en valor un descubrimento desta importancia», dinos Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e descubridor das pinturas, «dalgunha maneira, tamén esperamos disipar as posibles dúbidas que haxa sobre a autenticidade das pinturas. Para isto é necesario poñelo en coñecemento e debate dentro da comunidade científica».

A investigación sobre as pinturas de Casaio non fixo máis que empezar, dinnos desde  Sputnik Labrego. «Polo momento levamos a cabo as análises necesarias para ter unha primeira aproximación a este conxunto. Agora son necesarios recursos para poder realizar analíticas máis precisas e, sobre todo, protexer as pinturas», di Carlos  Tejerizo. O equipo presentou un proxecto á Dirección  Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, cos maiores expertos na materia, «que esperamos poida saír adiante ao longo deste ano. Un descubrimento destas características cremos que o merece».

A comunicación formará parte das tres investigacións que desde Galicia, achéganse ao congreso, como son a “Reconstrución das prácticas culinarias durante o Neolítico no norte peninsular”. Realizada entre outros por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela así como “Chan de Armada 1, cantas estruturas baixo o mesmo  túmulo?” desde a empresa de arqueoloxía galega Anta de Moura.

También te puede interesar