Adxudicada a obra de peche do pavillón polideportivo do CEIP Julio Gurriarán

2 abril, 2019 ACTUALIDAD
Adxudicada a obra de peche do pavillón polideportivo do CEIP Julio Gurriarán

A contía ascende a 409.597,31 e contempla o peche da pista deportiva, instalación de aseos, vestiarios, almacén e zona de servizos

Despois de anos de loita e reivindicación da comunidade educativa —sobre todo da ANPA—, de subsanar erros de proxecto e sempre, co apoio da veciñanza. Por fin, o CEIP Julio Gurriarán terá o pavillón tan desexado. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ven de publicar na plataforma de contratación de Galicia a adxudicación das obras de construción de peches laterais, soportal e dotación de aseos na pista deportiva cuberta do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas, no Barco de Valdeorras.

Así reivindicaba a comunidade educativa o arranxo

Para levar a cabo esta actuación asinouse un convenio co Concello do Barco de Valdeorras, de acordo co cal a Administración local achegará 150.000 € e a Consellería a parte restante.



Os traballos adxudicados á UTE Construcciones M. Espiño, S.L. Medancli por un importe de 409.597,31 euros deberán executarse nun prazo de 4 meses. Levaráse a cabo o peche dos laterais, porche, aseos e vestiarios na pista cuberta existente no centro educativo, cuxas dimensións son de 41,40 x 18,30 metros. Manterase a estrutura actual, formada por 8 pórticos metálicos biartellados en cimentación, a dúas augas. O peche realizarase con paneis prefabricados de formigón visto colocados sobre muro de formigón armado de 45 centímetros de altura rematado con perfil metálico ata a altura de 4 metros e panel superior de placas de policarbonato alveolar de con protección UV. As carpinterías exteriores realizaranse en aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento laminar. A actuación contempla, así mesmo, a substitución da cuberta actual da pista deportiva por panel de chapa metálica tipo sándwich, con illamento interior.

Calquera ocasión era boa para pedir o pavillón novo

A nova estrutura do porche realizarase mediante pórticos metálicos a un auga, formados por pilares, vigas e correas metálicas, con cuberta similar á prevista para o resto da edificación. Ademais deseñarase un novo núcleo de aseos e servizos na parte oeste da planta baixa da pista, cunha superficie de arredor de 150 m², mediante muros de bloque de formigón, que contará cunha planta alta destinada a almacéns de material deportivo e outros servizos.

Aspecto do pavillón na actualidade

No referido ao chan, na pista colocarase pavimento vinílico deportivo, mentres que no aseos se empregará pavimento vinílico antideslizante.

También te puede interesar