ABANCA e o GDR Valdeorras alíanse para impulsar a actividade económica da comarca

18 abril, 2018
ABANCA e o GDR Valdeorras alíanse para impulsar a actividade económica da comarca
Publicidad

ABANCA e a Asociación de Desenvolvemento Rural Valdeorras (GDR 7) acaban de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica desta comarca do interior de Galicia.

A presidenta do GDR, María del Carmen González Quintela, e o coordinador de Negocio Institucional en Lugo, Alberto López Sánchez, rubricaron hoxe na sede da asociación un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da provincia de Ourense.

O convenio facilita que os empresarios e emprendedores da comarca pertencentes á asociación accedan a unha ampla oferta financeira, con condicións vantaxosas respecto ao mercado. Así, os afiliados contarán con produtos específicos de ABANCA co obxectivo de atender as necesidades do día a día das empresas: pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O plan tamén inclúe condicións especiais na contratación de liñas de comercio exterior.

Do mesmo xeito, os asociados poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e IGAPE, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo. Tamén poderán aproveitarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento de contas e tarxetas, polas transferencias, o ingreso de cheques ou outros servizos habituais.

Así mesmo, co ánimo de optimizar a calidade do servizo e dar unha atención máis personalizada aos asociados á GDR, o banco poñerá a disposición dos interesados persoal especializado na xestión de seguros, quen asesorará das pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada afiliado.

O GDR Valdeorras agrupa os intereses de empresas desta comarca ourensá, que exercen a súa actividade principalmente nos sectores de servizos e industriais, entre outros. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.

También te puede interesar