jueves. 19.06.2025

A Xunta da vía libre á financiación do equipamento do Observatorio Astronómico de A Veiga

Ven de autorizar o convenio co Concello e unha partida de 180.268 euros para a dotación do material necesario para funcionar

180.268,04 euros. Esta é a cantidade que a Consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirá para dotar ao Observatorio Astronómico de A Veiga do equipamento para a súa posta en funcionamento. Así o acordou o Consello da Xunta, que ven de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración entre o departamento autonómico e o Concello da Veiga, que preside Juan Anta, no cal se concreta a achega económica da Xunta e o compromiso municipal para que a Consellería poida desenvolver nestas instalacións novos programas e actividades no marco das súas competencias.



O Observatorio Astronómico de A Veiga poderá poñerse en marcha e converterase nun centro de referencia na materia para Galicia. Trátase do primeiro centro destas características na provincia de Ourense, xa que na Comunidade galega hai outros tres centros: o Observatorio Astronómico de Cotobade, o Observatorio Astronómico de Forcarei e o Observatorio Ramón Aller, dependente da Universidade de Santiago de Compostela.

O Observatorio Astronómico de A Veiga foi construído en virtude dun acordo de colaboración asinado a finais de 2017 entre a Consellería de Medio Ambiente, o Instituto Enerxético de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de A Veiga.

A Xunta comprometeuse a asumir, unha vez rematado o edificio, a dotación do equipamento necesario —tanto mobiliario como equipo técnico— para a posta en marcha das instalacións. Por iso, despois de que este verán se completaran os traballos construtivos no Observatorio, sométese agora á autorización do Consello da Xunta o convenio específico que regulará a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello co fin de executar este ano o equipamento das instalacións.

Cun investimento de 620.928 euros achegados entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, o Observatorio Astronómico da Veiga está localizado nos montes de Corzos e Valdín, a aproximadamente 1.700 metros de altura e no corazón de Pena Trevinca, un emprazamento idóneo para a práctica de actividades de observación astronómica. Ademais é Destino Turístico Starlight, declaración que obtivo no ano 2015.

O novo Observatorio Astronómico de A Veiga favorecerá actividades sustentables que posibiliten a divulgación do medio natural e que inclúan a interpretación do patrimonio natural como unha oferta dos seus servizos. Fomentará as actividades turísticas no concello e na bisbarra, o que incidirá na mellora da economía e na calidade de vida das poboacións rurais da súa contorna. Promoverá o recoñecemento dos ceos nocturnos como recurso e porá en valor tamén o turismo, apoiando o desenvolvemento da zona como destino Starlight e de novos produtos turísticos responsables sustentados na observación do firmamento, as estrelas e os fenómenos da noite.

Grazas ao Observatorio Astronómico da Veiga estimularanse novas vocacións científicas e converterase nun foco de atracción de visitantes ao fomentar o chamado turismo astronómico, que conta cada vez con máis seguidores en todo o mundo.

A Xunta da vía libre á financiación do equipamento do Observatorio Astronómico de A Veiga