38.000€ para promocionar o turismo sostible do Parque da Serra da Enciña de Lastra

27 septiembre, 2020
38.000€ para promocionar o turismo sostible do Parque da Serra da Enciña de Lastra
Publicidad

A finalidade principal desta actuación é a contratación dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar o contrato do servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental no parque natural Serra da Enciña de Lastra, por un importe de 37.877,74€, IVE incluído.


Publicidad

A finalidade principal desta actuación, cofinanciada nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, é a contratación dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia.

Entre as actividades que terá que desenvolver para acadar este obxectivo figuran campañas, actividades e obradoiros de educación, sensibilización e divulgación ambiental, conservación da natureza e Rede Natura 2000 que se impartirán fundamentalmente no Centro de Visitantes do Concello de Rubiá.

Cómpre precisar que este tipo de instalacións, pertencentes á Xunta, están localizadas en lugares estratéxicos dos parques naturais e contan cun conxunto de equipamentos que responden ás necesidades do público que acode ao lugar en busca de información de interese sobre o espazo natural e os seus valores, polo que resultan idóneos para albergar estas accións. En todo caso, a empresa responsable do servizo tamén poderá realizar algunhas das actividades previstas no contrato en colexios, institutos ou centros sociais situados no propio concello no que se localiza o parque ou noutros puntos da comunidade.

Un parque coa aciñeira como símbolo

Coas súas 3.151,67 hectáreas de superficie, Enciña da Lastra foi o último espazo en ser declarado parque natural en Galicia (concretamente, o 4 de abril do ano 2002) e é o cuarto en canto á súa dimensión, tras o veciño de O Invernadeiro (con 5.722 hectáreas).

Nel atópanse os aciñeirais máis extensos e mellor conservados de Galicia, onde destaca a Aciñeira de Covas -que con máis de 500 anos de vida está declarada árbore senlleira pola Xunta por ser unha reliquia botánica de gran valor natural e cultural-, mantén salgueirais mediterráneos, moi escasos no territorio galego, e conserva os únicos tomiñares da Comunidade Autónoma.

Desde o mes de outubro de 2019, Serra da Enciña de Lastra conta co seu propio Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), cunha vixencia prevista de seis anos e que supón o primeiro instrumento específico aprobado para xestionar, protexer e conservar os valores deste espazo natural, garantindo o uso e a xestión axeitada dos seus recursos.

También te puede interesar