Ilusionar e implicar, obxectivos do novo presidente do PP de Trives

3 febrero, 2017 ACTUALIDAD , TRIVES
Ilusionar e implicar, obxectivos do novo presidente do PP de Trives
Jesús Prieto Pérez (Trives, 1975) é o novo presidente da xunta local do Partido Popular de Pobra de Trives, logo de conseguir o cen por cen dos votos emitidos polos compromisarios asistentes ao congreso celebrado esta tarde na sede dos populares deste concello.
Prieto Pérez, agradecido pola confianza dos seus compañeiros, formulou como principal obxectivo político nesta nova etapa “a revitalización do partido no municipio, ilusionando e facendo partícipes de novo a afiliados e simpatizantes para que se impliquen no proxecto popular”.
“Compre recuperar a confianza dos veciños no partido e nesa liña estamos a traballar desde a oposición”, engadiu o novo presidente local, recoñecendo que “soubemos entender a mensaxe recibida nas eleccións locais, xa que nas autonómicas e xerais a resposta a favor do PP foi contundente”.
No tocante ao Concello, Jesús Prieto falou de dous eixos de actuación que entende fundamentais. Por unha banda, a súa decidida aposta polo rural, con máis e mellores servizos, un intenso traballo para a promoción dos produtos autóctonos e o fomento do cooperativismo. A segunda das prioridades que considera básicas para o futuro municipal é o turismo, tendo como referente a estación de  montaña.
A clausura do congreso contou coa presenza do presidente provincial dos populares, Manuel Baltar, que lembrou un dos compromisos asumidos no congreso do PP ourensán, “anticiparnos, fixando metas e marcando a axenda política, cun partido organizado e activo”. Por iso, afirmou, “somos o único partido da provincia en continua actividade e a primeira formación popular en Galicia en iniciar o camiño cara as eleccións locais de 2019.
Os congresos locais que estamos a celebrar, dixo, “son unha parte fundamental deste proceso, pois estamos a falar da comprometida renovación dun partido que é a única opción que garante a seriedade e a estabilidade que necesitamos”.
Baltar, en referencia ás palabras de Jesús Prieto, animou aos compromisarios e asistentes a “manter o pulso e afanarnos por interpretar o que queren os nosos veciños”.

También te puede interesar