
O outono chegou á Pobra de Trives cheo de propostas para todos os públicos. O Club Montaña de Trives organiza para os días 10, 11 e 12 de novembro, o III Concurso de Tapas Micolóxicas ademáis das XVIII Xornadas Micolóxicas que tamén terán lugar na mesma fin de semana. Na primeira actividade, o concurso, contará coa participación de 10 locais que elaborarán diferentes tapas con base de cogomelos.
Os comensais que máis participen xulgando as tapas que degusten, entrarán nun sorteo que terá lugar o domingo ás 17:00 horas na Praza do Reloxo, con diferentes agasallos coma viños, tartas de castaña ou unha cea para dúas persoas no Restaurante Os Manolos.
Na mesma fin de semana tamén terán lugar as XVIII Xornadas Micolóxicas. Comezarán cunha charla impartida pola Asociación Os Cogordos de Ourense no auditorio Julio Vázquez. Despóis haberá unha saída ao campo para recoller distintos exemplares de cogomelos coa explicación in situ do micólogo e posterior entrega destes no patio interior do pazo A Casa Grande de Trives onde quedarán expostos ata o domingo 12 ás 18:30 horas.
Para rematar o día haberá unha cea gourmet composta de tres platos elaborados con cogomelos polo Restaurante A Viuda cun prezo de 25 euros. Para participar na cea é necesario retirar as entradas a través do correo club.montana.trives@gmail.com ou nos establecementos Sky e Boliche.
Pero antes de que teñan lugar estas actividades, o próximo mércores día 25 de outubro, a Biblioteca Pública Municipal de Trives quere celebrar o Día Internacional da Biblioteca cunha Tarde Familiar De Paseo e Lectura. Trátase dunha actividade para todos os públicos na que poderá disfrutarse da lectura en familia e en contacto coa natureza. A saída será ás 16:30 da Oficina de Turismo.
Tamén recordamos que dende o concello de Trives puxeron en marcha o primeiro Concurso de Vídeo-minuto feito co móbil, coa temática das paisaxes urbanas, humanas, culturais e naturais. O concurso consiste en facer un mini vídeo de como máximo 60 segundos sobre a paisaxe do concello, e envialo a dirección: comunicacion@concellodapobradetrives.gal. O número de vídeo-minutos que se poden presentar por persoa é ilimitado e os participantes deben ser maiores de 14 anos. Os traballos recolleranse ata o día 5 de novembro cando se anunciará o gañador do premio de 100€ nas redes sociais facebook, twitter e instagram, e na páxina web do concello.
Podes atopar as bases completas do concurso facendo click aquí.