Entre os políticos e activistas que o pasado martes se deron cita en Rodeiro para o acto que celebraba a oficialización do Camiño de Inverno, un dos rostros amosaba especial felicidade, o de Asunción Arias. A Presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, gozou do día no que se cumpríu unha das reivindicacións polas que o colectivo leva pelexando anos. Pero sen baixar a garda. Apenas dous días despois, as reivindicacións para convertilo nunha ruta a Santiago viable continúa. «O Camiño de Inverno xa é oficial, agora necesita infraestruturas», destaca Arias, que intúe que o traballo do seu colectivo vaise multiplicar. «Ata o de agora atendemos ós peregrinos con voluntarios, pero fai falta mellorar os servizos, habilitar albergues, sinalizar, etcétera», sinalou.
O Camiño de Inverno a Santiago entra en Galicia polo Bierzo atraviesa a comarca de Valdeorras e continúa por Quiroga, Terras de Lemos, Chantada e o Deza, onde se une á Vía da Prata. É a única ruta que atravesa as catro provincias galegas. A entrada en vigor da nova Lei de Patrimonio o pasado 17 de agosto, convertiouno nun dos Camiños recoñecidos e protexidos xunto coa seguintes: o Francés, o do Norte, o Primitivo, o Inglés, o de Fisterra e Muxía, o Portugués polo interior e pola costa, e máis a Vía da Prata. En total nove rutas ós que, como recoñece a propia Lei, poderán sumarse outras que sexan debidamente documentados e xustificados.
No caso do Camiño de Inverno esa xustificación levou máis dunha década, pero conseguiuse delimitar con algunhas variantes nos tramos, segundo se sigan as indicacións da Asociación do Camiño de Inverno por Valdeorras ou as da Asociación de Lemos. Na proposta dos valdeorreses, son sete etapas entre Ponferrada e Rodeiro, tres delas por Valdeorras. Entre elas, o tramo que precisa infraestruturas urxentemente, segundo a presidenta do colectivo, é o que vai do Barco á Rúa, considerada unha etapa curta ou de transición. No Barco hai albergue, pero na Rúa non, o que obriga ós peregrinos a continuar ata Quiroga ou buscar alternativas de aloxamento. Por iso, Asunción Arias destaca que «o máis urxente é habilitar un albergue na Rúa ou poñer a funcionar o de Vilamartín, que está equipado».
O Camiño, baixo a lupa de Patrimonio
Na oficialización da ruta, celebrada cun acto en Rodeiro, estiveron representantes da maioría dos Concellos polos que pasa e tamén das asociacións lucense e valdeorresa que levan anos reivindicándoo. Tamén estivo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen lanzou unha mensaxe ós Concellos: «O Camiño é unha grande oportunidade, pero tamén unha responsabilidade compartida entre todos».
Esa responsabilidade refírese ó mantemento e sinalización da ruta, así como a protección do Patrimonio que se atopa nas marxes do Camiño. Esa protección, de momento, non será a mesma que a de aqueles Camiños declarados Ben de Interese Cultural —algo que aínda non foi solicitado para o de Inverno— pero deberá terse en conta. A presidenta da Asociación do Camiño de Inverno por Valdeorras, Asunción Arias, destacou que «todo o que se atope nun radio de 150 metros do Camiño vai estar protexido» e baixo especial vixilancia para a súa conservación.